martes, 13 de abril de 2010

A USC confirma a celebración dun novo curso de verán sobre igualdade en Lalín

A concelleira de Servizos Sociais, Paz Pérez Asorey, ven de anunciar que “a vicerreitoría de Cultura da Universidade de Santiago vén de aprobar a celebración no mes de xullo en Lalín do VI curso de verán Novas Fronteiras na Igualdade de Oportunidades: Escola para a igualdade”. O obxectivo deste curso será promover a participación e a integración entre os centros educativos e a comunidade, a fin de desenvolver accións que permitan resolver os problemas que os afectan, promover o debate sobre a educación en igualdade nos ámbitos educativo e social e a participación e integración entre escola e comunidade.

O Concello de Lalín, a través da Oficina de Igualdade, e a Universidade de Santiago de Compostela, a través do Departamento MIDE da Facultade de Ciencias da Educación, presentaron esta nova proposta de curso de igualdade, que superou no mes de xaneiro a fase de preselección e agora vén de recibir a aprobación definitiva e a súa inclusión na oferta de cursos de verán da Universidade compostelá para o ano 2010.

A FINAIS DE XULLO

Paz Pérez amosou a súa satisfacción “polo recoñecemento que está a conseguir este curso de verán, que se pon de manifesto nas negociacións previas que xa fixemos con máis dunha vintena de poñentes e expertos na materia a nivel nacional e internacional e nas que amosaron a súa predisposición a participar neste novo curso, que se desenvolverá no Auditorio lalinense do 20 ao 23 de xullo”.

A concelleira recordou que “nas cinco edicións anteriores de cursos de verán da USC realizados en Lalín, apostaron por esta formación especializada en igualdade de oportunidades máis de 700 persoas e matriculáronse anualmente unha media dun centenar de persoas de todo Galicia, así como doutras Comunidades Autónomas”.


Cartaz dunha anterior edición deste curso de verán.



.

No hay comentarios: