miércoles, 20 de mayo de 2009

Marcos Torres deixa a presidencia de Novas Xeracións


Marcos Torres Gómez deixará o seu cargo de presidente local de Novas Xeracións do PP de Lalín por motivos persoais. Levaba máis de catro anos á fronte desta organización xuvenil, logo de que o 14 de xaneiro de 2005 sustituira á anterior presidenta Marta Portas. A partir de agora, ostentará en funcións este cargo a vicepresidenta da organización, Alicia Vilariño.

Marcos Torres asegura que “deixar o cargo é unha decisión totalmente persoal” e engade que “non houbo problema algún nin no Partido nin en Novas que motivasen a miña renuncia”. Torres ten claro que estes anos na política “foron moi gratificantes e tiven a oportunidade de coñecer dende dentro a política e convencerme de que esta é un dos servizos máis nobres que as persoas poden prestar á sociedade”.

Torres tivo un recordo para o presidente comarcal do Partido Popular e alcalde de Lalín, José Crespo, do que afirma que “é un gran home que me brindou a súa amizade dende o principio e sempre respectou o meu traballo animándome en todo momento e permitíndome colaborar co Partido con total liberdade”. Segundo Torres, “Pepe Crespo é unha das persoas máis traballadoras que coñezo, que me namorou de Lalín dende o primeiro minuto e que nunca deixou de dicirme que a humildade, a responsabilidade e o traballo deben ser as señas de identidade de calquera que se queira dedicar á política”.

Marcos Torres fixo memoria de todos os afiliados de Novas Xeracións de Lalín dos que dixo recibir “un gran cariño e respecto”. “Nunca me esquecerei de todas as persoas que coñecín durante estes catro anos e de todos os amigos que fixen grazas á política”, dixo.

No capítulo de agradecementos, Torres dixo querer dar as grazas, “en primeiro lugar, a todos e cada un dos que forman parte da directiva de Novas Xeracións de Lalín que, para min, foron, máis que compañeiros de partido, amigos”. Logo agradeceu “a toda a familia do Partido Popular do Deza o acompañamento e o apoio que recibín ao longo destes catro anos”.

Quixo tamén agradecer “aos membros do BNG e do PSOE o respecto que, dende as diferenzas, sempre me mostraron. “De xeito especial -dixo- quero agradecer a Xuventudes Socialistas de Lalín, en concreto á súa secretaria xeral, Adriana Viz, a boa relación mantida entre nós que se transformou nunha boa relación entre as organizacións que reprentabamos”.

Torres tivo tamén palabras de agradecemento para os medios de comunicación "por responder de xeito perfecto á súa tarefa de informar aos cidadáns e por tratar sempre con gran obxectividade as noticias relacionadas con Novas Xeracións”.

Torres colaborou no ano 2005 con José Crespo na organización da campaña electoral do PP de Galicia para as Eleccións Autonómicas, ás que se presentou como número 22 na lista do PP pola provincia de Pontevedra que estaba encabezada polo actual presidente da Xunta, Núñez Feijóo.

Asimesmo, foi durante catro anos membro do Comité de Dirección do PP de Galicia deixando este cargo no XIV Congreso celebrado os días 9 e 10 de maio deste ano na cidade da Coruña.

Marcos Torres asegurou que a xestora formada pola actual directiva local de Novas Xeracións e liderada por Alicia Vilariño “será a encargada de convocar o Congreso Local pasadas as Eleccións Europeas no que se terá que elixir ao novo presidente”.

No hay comentarios: